A campá do tempo

Descubre la riqueza histórica y cultural de la vestimenta tradicional de Lugo en el IV Festival Internacional de Indumentaria Tradicional de Zamora. La muestra, resultado de años de investigación por Traxandaina, presenta trajes del siglo XIX y XX, elaborados con lino, lana, terciopelo y otros tejidos locales. Refleja cómo el Camino de Santiago ha influido en las modas y estilos de la región. Esta colección, reconocida con el sello europeo de la tradición en 2018, ofrece una visión única de la vestimenta aldeana de Lugo y su evolución a lo largo del tiempo.

Mº Teresa Astorgano Casal

O achado da tumba do apóstolo Santiago o Maior, sobre os anos 820 e 830 nun bosque chamado Libredón, foi ao cabo un dos fitos máis importantes da Idade Media en Europa. Nese lugar hoxe álzase a magna catedral compostelá. A noticia en forma de aparición destes restos de Santiago fixo que xurdise de forma espontánea o fenómeno das peregrinacións que marcará o inicio dun culto que acabou convertendo o Camiño nunha auténtica columna vertebral de Europa, e por tanto, Santiago e a súa catedral, nun dos grandes centros de peregrinación da cristiandade, xunto a Roma e Xerusalén.

Polos camiños de Santiago hoxe, igual que entón, flúen xentes de tantas e tantas nacionalidades que podemos falar de auténticas canles difusores de coñecemento, culturas, artes e costumes… Os peregrinos do Camiño deixan os seus coñecementos, pero tamén levan outros que lles impregnan, tal como o po ás súas roupas.

Roupas e roupaxes que son lucidos e vestidos polos que van, os que veñen e os que quedan; así como polos que xa estaban aquí, polos aldeáns que ven pasar polos seus camiños toda sorte de xentes que en moitos casos necesitan dos seus favores e noutros son valedores dos mesmos, pero solidarios sempre.

É a provincia de Lugo, dentro da comunidade galega, a que seguramente conta con maior número de trazados que levan a Santiago: Camiño Francés, do Norte, Primitivo, de Inverno, Vía Künig… Aínda que, como alguén dixo: «o camiño comeza en cada porta de cada casa e cada peregrino». Así é como nós vémolo, aínda que o trazado de cada camiño é un motivo de estudo, un motivo de crecemento e, ante todo, un gran lenzo en que cada persoa marca o seu propio trazo e pon a súa auténtica pegada.

Como puido influír o paso de peregrinos pola nosa terra e os seus pobos, non sabemos se se chegará a saber, pero para uns artesáns do téxtil e estudosos da nosa vestimenta como Traxandaina, si se pode asegurar que as modas foron sempre meras influencias do tempo, do lugar e do paso de xentes vindas de fóra que dúbida cabe que o Camiño fixo a función de pasarela!; en definitiva cada camiño a Santiago ofreceu oportunidades e experiencias de intercambio, e así seguirá sendo en tanto un só peregrino camiñe por esas sendas e outros permanezan para recibilos.

Cando decidimos hai anos estudar as vestimentas da provincia de Lugo non sabiamos que marcadores aparecerían, que zonas podían ser coincidentes ou non en tecidos, cores etc. Hoxe si podemos ensinar as nosas pezas (…)

A mostra (…) é a recompilación de resultados obtidos despois de moitos anos de investigación e recollida.

Traxes de finais do século XIX e principios do século XX, con tecidos feitos en casa en teares de baixo lizo, cando aínda abundaban o liño e a la, e tamén se atopaban panos de sedán, veludos, agremanes feitos a man e sobre todo picote, candil ou burel; tempos en que as primeiras máquinas de coser aparecían polas vilas e aldeas da man daquelas costureras que ían polas casas introducindo modernidade polos seus fogares, combinando cores, texturas e debuxos de delicada e sobria elegancia. Pezas rescatadas das arcas das fillas e netas daquelas mulleres que gardaban as súas mellores roupas para lucir en dous días de feira, ir a misa ou a domingar. Vestimenta de formas, cores, texturas e nomes propios que percorreron un longo camiño ata poder ser rescatadas e exhibidas a día de hoxe, para coñecemento e honra dos nosos devanceiros.

Estes traxes forman parte dunha colección máis ampla que no ano 2018 recibiu o recoñecemento do selo europeo da tradición, a maioría das pezas son antigas, por tanto, as pezas testemuña que hoxe xa copian moitos outros que deciden incorporar o rigor ao folclore, e que sempre son benvidos.

Sendo a provincia de Lugo unha terra de montaña e alta montaña, que dúbida cabe de que a súa climatoloxía non era a máis benévola: tampouco o illamento físico e social que isto provocou para as súas xentes e os seus costumes. Por esta circunstancia foi nesta provincia onde máis perduraron as formas de vestimenta antiga, o que se denomina vestimenta aldeá. O seu illamento fixo de campá do tempo e, ata non fai moito, aínda se podía atopar algunha peza nas huchas ou arcas que non foron queimadas ou mesmo que desapareceron, como as propias casas.

A ausencia de coros históricos na nosa provincia foi tamén una das circunstancias que fixeron posible que as súas vestimentas non sufrisen adulteracións nas mesmas, e este feito permítenos afirmar que as pezas atopadas nunca pertenceron a roupaxes folclóricas. Eran as xentes as que facían as súas festas coas súas roupas.

A nosa vestimenta aldeá debe ser vista como o que é, roupa dunha época na que aínda non se impoñían os tecidos da Revolución Industrial, na que o colorido estaba na parte interior de cada traxe, na que se atopaban gran cantidade de lensas con patrón concreto e os mandís de mostra entregábanse como dote, xunto cos mandís de traballo, sendo simple a lectura: «a miña filla vale para traballo e para festa». Ese tempo en que os refaixos podían ser de la ou bordados, os dengues eran sinxelos e só aparecían os brillos nos traxes daquelas noivas que xa non eran aldeás, pois xa eran señoras. Son traxes simples, como simple era a súa xente, pois sempre foi a nosa terra de emigrantes – que non de viaxeiros -, e algo tería que ver a necesidade.

¿Gustouche? AQuí tes máis

A muller como coidadora: razón de existir da humanidade

A través dos coidados, as mulleres transmitiron saberes imprescindibles para a supervivencia e a saúde das comunidades ao longo dos séculos. Desde a observación empírica na prehistoria ata a profesionalización da enfermaría, estas prácticas pasaron de nais a fillas, mantendo vivo un coñecemento esencial. As enfermeiras profesionais, herdeiras deste legado, continúan coidando con dedicación, aínda loitando contra os estereotipos de xénero que, durante tanto tempo, invisibilizaron a súa labor. Sen elas, a historia da saúde e do coidado humano sería incompleta.

Ler máis

I Xornada etnográfica. Culturas do coidado feminino.

As I Xornadas Etnográficas: Culturas do Coidado Feminino celebraranse o sábado 15 de marzo na Casa do Saber (Vicerreitorado dá USC, Lugo). Organizadas polo Grupo Etnográfico Traxandaina, marcan ou inicio das actividades de 2025.

O evento contará con tres charlas especializadas sobre o papel da muller nos coidados ao longo dá historia.

Con entrada gratuita ata completar aforo, esta xornada ofrece unha visión etnográfica e antropolóxica do coidado feminino, recoñecendo ou seu impacto na sociedade e a súa evolución ao longo do tempo.

Ler máis