Mº Teresa Astorgano Casal
isidoro rodríguez pérez
Este texto recolle a análise da charla impartida polo Dr. Isidoro Rodríguez Pérez, enfermeiro e humanista, no marco da I Edición da Xornada Etnográfica. Culturas do coidado feminino.
Baseándonos na afirmación da enfermeira teórica francesa Collière, quen aseguraba que a humanidade non existiría sen os coidados aos individuos da especie humana, exploramos a longa historia dos coidados de saúde desde a prehistoria ata a actualidade.
Os coidados da saúde, esencialmente domésticos durante gran parte da historia, recaeron case exclusivamente nas mulleres. A figura da coidadora aparece en múltiples formas segundo a cultura e a época histórica: a muller sabia, a bruxa ou meiga, a escrava, a diaconisa, as beguinas, as monxas e, finalmente, a enfermeira profesional. Este papel foi evolucionando ao longo dos séculos, adaptándose ás transformacións sociais, culturais e científicas de cada período.
Durante a prehistoria, os coidados eran intuitivos e baseábanse na observación empírica. As mulleres, encargadas do sostemento e coidado do grupo, aprenderon a recoñecer plantas medicinais e a tratar feridas. Máis adiante, nas primeiras civilizacións como Mesopotamia ou Exipto, atopamos figuras de mulleres dedicadas aos coidados obstétricos, como Agnodiké, quen segundo a lenda tivo que vestirse de home para poder exercer como matrona arredor do 3000 a.C. Na cultura hebrea, tamén se destaca a figura de Débora, mencionada na Biblia como xuíza e matrona.
Coa chegada do cristianismo e o desenvolvemento das ordes relixiosas, as mulleres continuaron desempeñando un papel fundamental no coidado dos enfermos. As beguinas e as monxas, movidas pola súa vocación espiritual, dedicáronse ao auxilio dos máis vulnerables, creando hospitais e ofrecendo asistencia sanitaria de forma organizada.
A profesionalización da enfermaría comezou a mediados do século XIX, coa influencia de figuras como Florence Nightingale, quen fundou a primeira escola oficial de enfermaría en 1860. En Galicia, debemos destacar a figura de Isabel Zendal Gómez, recoñecida pola OMS como a primeira enfermeira intercomunitaria pola súa participación na Real Expedición da Vacina en 1803, que levou a vacina da varíola a territorios de América e Asia. Outra figura galega relevante é Elvira López Mourín, enfermeira da primeira promoción de enfermeiras profesionais en 1918, pioneira ao participar na primeira viaxe sanitaria da Aviación en España, en 1922. Tamén cabe mencionar a Concepción Braña Rey, coñecida como «Concha da Raiña», primeira matrona do Concello de Vilalba e fundadora do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo en 1929.
Ata finais do século XX, os homes encargábanse dos coidados técnicos, mentres que as mulleres asumían os coidados domésticos e a atención directa aos enfermos. Esta segregación comezou a desaparecer cando, en 1977, a formación en enfermaría se universalizou, permitindo a homes e mulleres acceder aos mesmos contidos académicos e á obtención dun grao universitario.
A pesar da profesionalización e a obtención do recoñecemento académico, a enfermaría segue a estar marcada polo androcentrismo cultural. A asociación histórica dos coidados á figura feminina perpetuou estereotipos que, en ocasións, dificultan o pleno recoñecemento profesional das enfermeiras e o seu papel esencial no sistema sanitario. Aínda así, a enfermidade evolucionou cara á especialización e a investigación, permitindo ás enfermeiras alcanzar o doutoramento en coidados de saúde, a máxima cualificación académica.
A historia dos coidados está intrinsecamente vinculada á figura da muller, cuxo labor, a pesar de estar condicionado polos roles de xénero tradicionais, resulta imprescindible para o desenvolvemento da humanidade. Recoñecer esta realidade é necesario para valorar a profesión de coidar e avanzar cara a unha sociedade máis equitativa e xusta no recoñecemento do traballo feminino.

